52 concellos participarán no programa “Depotermal 2020”


A Deputación de Pontevedra vén de aprobar as solicitudes de adhesión presentadas polos concellos da provincia ao programa “Depotermal 2020”. Deste xeito, un total de 52 municipios participarán este ano no programa de termalismo da institución. 

En concreto, os concellos que formalizaron a súa adhesión son A Illa de Arousa, A Estrada, A Guarda, A Lama, Agolada, Arbo, Barro, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz Balneario, Moraña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. 

Así, a veciñanza destes municipios poderá desfrutar de “Depotermal 2020” sempre e cando as persoas interesadas estean empadroadas na provincia de Pontevedra, teñan nado antes do 1 de xaneiro de 1970, pensionistas, cun recoñecemento do grao de diversidade funcional igual ou superior ao 65% ou que precisen dun respiro familiar. 

Este programa provincial, que este ano conta cun orzamento de preto de 130.000 euros, oferta 4.434 prazas, das cales 1.248 serán para a modalidade de asistencia diaria durante cinco días consecutivos e 3.186 para a modalidade de pernoita con pensión completa. Ademais, a Deputación financia 248 prazas na primeira modalidade e 186 na segunda que quedan reservadas para familias en situación ou risco de exclusión social. 

A través de “Depotermal 2020” a Deputación de Pontevedra pretende fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade. Amais, o programa da institución provincial tamén está a facilitar o acceso ao turismo de saúde e a dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.