Xantar recoñeceu a promoción turística da Deputación da Coruña

O Salón Internacional de Turismo Gastronómico  Xantar outorgoulle á Deputación da Coruña o premio á Mellor Acción Promocional en Materia de Turismo, un galardón que o vicepresidente e responsábel da área, Xosé Regueira, dedicou ao seu equipo, aos concellos, ás escolas de hostalaría e aos profesionais que participaron no Salón de Turismo mostrando o altísimo nivel do sector galego.o.

"Trátase dun recoñecemento que recollemos con alegría e que temos que agradecer ao equipo da Deputación da Coruña que traballa de maneira moi profesional na nosa participación no Salón e tamén a todas as persoas, institucións e entidades que participaron na edición, en especial aos concellos, ás escolas de hostalaría e aos profesionais que mostraron o altísimo nivel da gastronomía no noso territorio", sinalou Xosé Regueira.

Nesta edición de Xantar participaron, con showcookings e degustacións os concellos de Ponteceso, Arzúa, Carballo, Vimianzo, Mazaricos e o Xeodestino Ría de Muros-Noia. A Escola de Hostalaría EFA Piñeiral de Arzúa, a Agrupación e cociñeir@s da Ría de Muros-Noia e a Escola de Hostalaría de Carballo mostraron a profesionalidade da nova xeración de cociñeiros e cociñeiras que se están formando en centros municipais dos concellos da Coruña da man de extraordinarios profesionais tan recoñecidos como Rocío Martínez, Marcos Seoane ou Fernando Agrasar.

"Está aceptado por todo o mundo que temos un extraordinario produto mais en Xantar pódese comprobar de primeira man a calidade altísima de profesionais que están a traballar no sector gastronómico, sen dúbida, un recurso de especial relevancia no cambio de modelo que se está a experimentar no turismo a nivel internacional cunha aposta por fórmulas sustentábeis e de calidade", sinala Xosé Regueira.