Ternera gallega mantén as cifras no mercado

A IXP Ternera Gallega pechou o exercicio 2019 crecendo no campo e mantendo as súas cifras no mercado. Tanto o número de explotacións activas como sobre todo o número de tenreiros rexistrados medraron de maneira significativa, con valores preto do 2%, acadando as 8.298 explotacións inscritas con actividade e os 135.263 tenreiros rexistrados e controlados. 

As cifras no mercado permaneceron practicamente similares ás do ano 2018, a pesar da presión a diferentes niveis que sofre na actualidade o consumo de carne e das novas tendencias comerciais e gastronómicas, o que tamén demostra a confianza dos consumidores na IXP e que cada vez son máis os que demandan produtos con calidade certificada. 

A IXP Ternera Gallega conmemora os seus 30 anos de actividade, ao longo dos cales se mantivo como a Denominación de Calidade de referencia no sector da carne de vacún en España, significando un 55% da carne comercializada con IXP e cun valor económico en primeira venda de 123 millóns de euros. 

No tocante á IXP Vaca Galega/Boi Galego, esta rematou o ano 2019 con 796 explotacións inscritas con actividade e cun crecemento tanto do número de industrias inscritas (28), como dos animais rexistrados (4.982), das canais certificadas (466) e das toneladas de carne comercializadas ao abeiro da nova IXP (192). 

Estes son os principais datos presentados polo presidente do Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, Jesús González, quen estivo acompañado polos demais membros do pleno e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez. 

Para este 2020, o Consello Regular das IXPs de Carne de Vacún de Galicia asume entre os seus retos principais a aposta pola sustentabilidade da produción cárnica de calidade, o benestar animal, un maior compromiso medioambiental, o uso responsable dos tratamentos sanitarios e a bioseguridade nas explotacións; así como polo desenvolvemento de produtos elaborados de alta calidade e valor engadido a partir da carne amparada polas IXPs Ternera Galega e Vaca Galega/Boi Galego; sen esquecer a necesidade dun Plan Estratéxico para o sector de vacún de carne galego. 

Xa centrados na IXP Ternera Gallega, é necesario apostar pola regularización produtiva nas explotacións inscritas na Denominación; potenciar o seu Plan de Internacionalización, coa consolidación en Alemaña e a apertura a outros mercados; e reforzar a imaxe e o prestixio da Denominación, mediante unha campaña publicitaria a nivel nacional en televisión. No caso da IXP Vaca Galega/Boi Galego, continuarase traballando tanto na súa implantación no campo como en lograr o compromiso da industria cárnica galega para o seu posicionamento no mercado, sen esquecer seguir adiante cos trámites que nós requira a Comisión Europea para a inscrición da nova IXP no Rexistro comunitario.