Santiago irmandarase coa vila portuguesa de Braga

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acaba de confirmar que esta mesma primavera se formalizará o irmandamento da capital de Galicia co municipio de Braga a través dun convenio de colaboración. 

O rexedor local asegura que "Santiago e Braga teñen moito en común e imos colaborar en eidos como a cultura, os Camiños ou as novas tecnoloxías". En particular, referiuse ás sinerxias que se poden crear como centros de referencia que son as dúas cidades no eido da biotecnoloxía e da madeira (Santiago) e da nanotecnoloxía (Braga).

Bugallo participou o pasado venres na XXVIII Asemblea Xeral do Eixo Atlántico, que supuxo o regreso da cidade á Comisión Executiva deste organismo transfronteirizo, na que constatou o interese dos concellos lusos por impulsar os Camiños de Santiago.