Recoñecemento para a etiquetaxe inclusiva das conservas Faro de Burela

Non levan moito no mercado, pero as conservas Faro de Burela xa se teñen convertido en todo un exemplo de etiquetaxe inclusiva, incorporando un texto en braille e un código QR ligado a unha descrición auditiva nas súas etiquetas. 

A conselleira de Mar, Rosa Quintana, puxo en valor esta medida durante a súa visita ás instalacións da conserveira que realizou esta semana, asegurando que vén a sumarse a outros valores que a caracterizan como "a tradición de empresa familiar, a innovación dos procesos e a calidade do produto elaborado e envasado de xeito artesanal".

Ademais, a conselleira comprobou as melloras na trazabilidade e etiquetaxe que incorporou a empresa grazas á subvención que obtivo en 2019 a través do grupo de acción local pesqueira (GALP) A Mariña-Ortegal. Estas melloras introducidas pola empresa, subliñou a titular de Mar, son un claro exemplo dos froitos que dan os GALP. Neste caso, as achegas que a Xunta pon a disposición para os grupos e que están cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, axudan a Conservas Faro de Burela a impulsar a comercialización dos produtos pesqueiros coa introdución da pesaxe e etiquetaxe automática que lle permite mellorar os tempos de traballo e a trazabilidade do produto.

Conservas Faro de Burela depende do grupo Rodil Lozano e no seu traballo une a tradición e a calidade, pois os produtos que elabora son envasados de maneira artesanal e natural. Entre a súa oferta están os lombos, albóndegas, ventresca, migas e bocados de Bonito do Norte de Burela. Realizan a súa comercialización a través da venda online e tamén acudindo a exposicións, feiras e convencións. 

Rosa Quintana aproveitou a visita a esta conserveira para anunciar que este ano se abrirá unha nova convocatoria de axudas na que os os oito grupos de acción local do sector pesqueiro de Galicia se poden beneficiar de 19,2 millóns de euros para o desenvolvemento de proxectos de dinamización socioeconómica do litoral galego.