Pontevedra colaborará na programación do Xacobeo cedendo espacios e equipamentos

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, nunha primeira toma de contacto para estruturar a programación de actividades vinculadas ao Xacobeo 2021 que acollerá a cidade durante este verán. 

Durante a xuntanza, na que tamén participaron a concelleira de Cultura, Carme Fouces, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, e o delegado territorial da Xunta, Xosé Manuel Cores Tourís, ooncello comprometeuse a ceder os espazos públicos e os equipamentos culturais necesarios para as actividades que se programen. 

A programación, que o alcalde denominou "vésperas do Xacobeo 2021" derívase do plan estratéxico do Xacobeo 2021 que establece entre os seus obxectivos básicos promover a accesibilidade, a participación e a descentralización das actividades enmarcadas nesta efeméride. 

Neste sentido, Fernández Lores celebrou especialmente que a programación dea cabida "ao movemento cultural de base da cidade" e asegurou que nos dous vindeiros meses "intentaremos poñernos de acordo" no tipo de eventos a realizar. 

Lores tamén defendeu que "Pontevedra é a capital do Camiño Xacobeo Portugués a Compostela e queremos estar nestas actividades para que o 2021 sexa un antes e un despois", ao tempo que aseguou que "temos a esperanza de que a presenza de turismo en relación co Camiño chegue ao culmen co Ano Xacobeo, pero tamén que se siga mantendo ou superando en anos seguintes". 

Pola súa banda, Román Rodríguez explicou que este tipo de programación se pretende realizar en todas as cidades e no caso concreto de Pontevedra salientou a súa relación co Camiño Portugués - a piques de acadar os 100.000 peregrinos no pasado ano-, e a vinculación coa tradición da peregrinación, nomeadamente a través do santuario da Peregrina. 

O conselleiro indicou que toda vez acadado o compromiso do Concello para fornecer os espazos e equipamentos precisos para as actividades, se fará un chamamento ao mercado para que as produtoras propoñan eventos e iniciativas para todo tipo de públicos diferenciados e que atendan a disciplinas e formatos diversos. Por último indicou que esta programación se desvinculará das datas das festas locais.