Os trasnos cancelan o Camiño dos Faros en sinal de protesta

Os impulsores do Camiño dos Faros, ruta de senderismo de 200 quilómetros que une Malpica con Fisterra pola beira do mar, decidiron cancelar para este 2020 a multitudinaria edición por etapas coa que cada ano reunían a centos de persoas camiñando ao compás para reivindicar esta espectacular ruta costeira. 

Consideran que o camiño está consolidado, con miles de visitantes de todo o mundo que coñecen a ruta e acoden a percorrela. Pero confésanse "cansos e aburridos" de facer de políticos e loitar para conseguir a homologación como ruta de sendeirismo de gran recorrido, denunciando que semella imposible que  "as administracións (de todas as cores) consideren que é unha ruta de sendeirismo para mellorar a súa sinalización e mantelo limpo todo o ano".

Tras 7 anos de traballo dende a asociación, consideran que se está perdendo tempo para dar unha base sólida a este recurso mentres outros destinos de sendeirismo se están a posicionar perfectamente, citando a portuguesa Rota Vicentina de Portugal como exemplo. 

Aínda así, comprométense a seguir traballando para que a ruta quede como está e sexa desnaturalizada/corrompida o menos posible: "seguiremos loitando, con ou sen homologación, con ou sen axuda das Administracións, coma fixemos sempre".

Ademais, que non se organice ruta conxunta non significa que o Camiño dos Faros desapareza. Animan á sociedade a seguir acudindo en asociación, familia ou con amigos para entre todos seguir "mostrándolle ao mundo que esto é máis que un camiño".