Os Bonitos de Samede no Museo do Pobo Galego


Este xoves 20 febreiro o Museo do Pobo Galego organiza ás 18:30 horas unha actividade centrada no Entroido de Samede e, en concreto, na figura dos bonitos ou máscaras. A veciñanza desta aldea do concello de Paderne (A Coruña) recuperou un entroido que deixara de celebrarse nos anos 60 pola despoboación e a intervención dun párroco que non estaba moi dacordo cos excesos do carnaval. 

Primeiro conseguiron representar a “muiñeira cruzada” no luns de Entroido cos bonitos ou máscaras, e despois continuaron coa empresa recuperando outros sinais de identidade como os personaxes dos carolos, os vixigueiros ou o Policarpio (o meco de Samede). 

Na xornada haberá unha palestra con representantes da Asociación do Entroido de Samede, e posteriormente poderemos ver unha representación en directo dos bonitos ou máscaras de Samede.

Esta actividade, promovida polo Departamento de Educación e Acción Cultural do Museo do Pobo Galego, comezou no ano 2013 procurando amosar a riqueza e diversidade do Entroido a través da recuperación de máscaras e tradicións en diferentes lugares do país. Neste tempo achegáronse ao Museo: os Merdeiros de Vigo, os Volantes do Entroido Ribeirao de Chantada, as Madamas e Galáns de Meira (Moaña), as bonitas de Sande ou o Entroido de Arcos (Mazaricos). Máscaras, que grazas ao pulo de colectivos e asociacións cívicas, volven saír as rúas.

Para máis información podedes consultar a páxina da Asociación do Entroido de Samede: http://entroidosamede.gal