Oito empresas acuden a Biofach 2020 baixo o paraugas do Craega


Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) contará por vixésima vez con stand propio en Biofach 2020, do 12 ao 15 de febreiro en Núremberg (Alemaña). Considerada a feira líder mundial de produtos orgánicos, ofrece unha panorámica completa deste segmento, desde produción e certificación ata transformación e comercializalizaćon. Dirixido ao público profesional, o programa inclúe seminarios, workshops e conferencias sobre temas de actualidade. 

Baixo o paraugas do Craega, viaxan ao país xermano oito empresas: Porto-Muíños, Mieles Anta, Quescrem (Innolact), Jamones González, Conservas Orbe, The Bio Factory, Coraçai e Orballo. Durante catro días, os que se acheguen ao hall 5 (stand 5 – 281) poderán atopar as últimas novidades certificadas en Galicia en variedades como algas, produtos apícolas, queixos, alimentos en conserva, xeados e infusións e especias. 

En funcionamento desde 1990, Biofach é a maior feira de produción ecolóxica do mundo. Na edición que arranca a vindeira semana daranse cita preto de 3.500 expositores -repartidos en 12 pavillóns- de arredor de 100 países. O ano pasado achegáronse ao Messezentrum máis de 51.400 profesionais (o 50% de procedencia internacional). Ademais de Alemaña, no top 5 atópanse Italia, Austria, Francia e España. 

O congreso que se celebra en paralelo á feira de Núremberg outorga desta vez todo o protagonismo aos efectos positivos da agricultura ecolóxica e aborda un asunto de actualidade: A agua, fundamento da vida en perigo? Este será o eixe de debate de varios eventos nos que se darán cita máis de nove mil persoas. 

OUTRAS FEIRAS. A do país xermano inaugura o calendario de feiras do Craega para 2020. Pouco despois, do 28 de febreiro ao 1 de marzo, terá lugar a segunda edición de Biocultura A Coruña. Ao igual que en 2018, o Consello contará cun stand agrupado no que compartirán espazo 21 empresas certificadas.