O Grupo Cuevas colaborará coa Deputación para poñer en valor a castaña

O Grupo Cuevas acaba de pechar un acordo coa Deputación de Ourense para explorar novos modelos de apoio ao rural coa castaña como protagonista, que permitan que adquira rango estratéxico para a economía e a identidade da provincia.

A primeira iniciativa será a organización do "Foro da Castaña", que se celebrará o 14 de febreiro, e que contará coa xornalista Ana Rosa Quintana, un evento no que desde diferentes perspectivas se porá en valor a importancia deste sector da agroindustria ourensá "para seguir a fomentar o uso do produto local máis recoñecido no mundo, con vistas a que poida converterse nunha das importantes marcas de identidade da provincia de Ourense", segundo expresou o presidente do organismo provincial, Manuel Baltar. 

Esta experiencia público-privada ten como finalidade contribuír a fortalecer, promocionar e introducir a castaña nos usos diarios, propiciar a súa integración na actividade social e fomentar unha conciencia colectiva da castaña como ben común. Tamén se pretenden levar a cabo accións culturais e no comercio, así como en congresos e nas ofertas hoteleiras e gastronómicas.

Baltar agradeceu ao Grupo Cuevas e ao seu presidente Artur Yuste a súa implicación nesta aposta pola provincia, salientando que iniciativas como esta, que fomenten o uso da castaña, "atoparán na deputación unha atención sensible", resaltando que esta experiencia podería trasladarse "a outros sectores ou produtos de alto valor estratéxico da provincia de Ourense", e destacando como exemplo ao Grupo Cuevas, "a empresa que máis ten defendido e crido na castaña".

Pola súa banda, Artur Yuste agradeceu ao presidente da Deputación "a súa disposición para que Ourense busque riqueza e futuro a través da castaña", e dixo que esta alianza "servirá para intervir "en vertical" nas zonas rurais da provincia, e daranos a oportunidade de crear un espazo perfectamente visible e diferenciado na globalización: Ourense, mundo castaña". "Temos un diamante protexido por ourizos –afirmou Yuste- e temos que erguelo do chan".