O Diario Oficial de Galicia (DOG) acaba de publicar o decreto polo que se regula a artesanía alimentaria, que elaboraron as Consellerías do
Medio Rural e do Mar para poñer en valor os produtos agrarios e pesqueiros que
se elaboran de xeito tradicional, así como para protexer os seus produtores. Trátase
dunha novidosa regulación que especifica o que é unha produción artesanal para
evitar que se empregue de maneira impropia este termo ou outros similares como “caseiro”
ou “feito na casa”.
O novo decreto
regula as condicións técnicas específicas necesarias para que unha produción
alimentaria sexa artesanal. Así, establece que os procesos de elaboración deben
ser tradicionais, que a presentación dos produtos debe ser senlleira para
mostrar a súa calidade diferenciada e que se ha de respectar en todo momento a norma
técnica aprobada para cada tipo de produción.
Distínguense un total de 16
grupos de produtos entre os que están os lácteos, os cárnicos, os produtos da
pesca e da acuicultura, viños, licores, sidra, cervexa e produtos de panadería
e confeitaría, entre outros. A Consellería do Medio Rural está a traballar cos
interesados na redacción das normas técnicas específicas e o obxectivo é
aprobar primeiro as que teñan maior repercusión en Galicia, polo seu número de
profesionais implicados e polo volume de produción.
As normas
técnicas contemplarán, en todo caso, que os produtos artesáns deben estar
elaborados con materias primas seleccionadas e que non se poderán utilizar potenciadores
de sabor, colorantes ou saborizantes artificiais quedando o uso doutros aditivos
suxeito a importantes restricións. Tampouco se poderán empregar graxas trans
(hidroxenadas artificialmente) ou graxas procedentes da palma ou do coco. A
utilización como materia prima de produtos semielaborados queda limitada a
casos excepcionais xustificados na norma técnica correspondente. Por outra
banda, admitirase o uso de medios mecánicos para determinadas fases do proceso
de elaboración, respectando o indicado na norma técnica que corresponda.
Para garantir
a intervención persoal do artesán no proceso, o decreto tamén establece que non
se admitirán reetiquetaxes nin razóns sociais de intervenientes no circuíto
comercial que non sexan as da empresa artesanal responsable do produto, nin se
admitirá tampouco a utilización de marcas que non lle pertenzan.
O novo
decreto, que entrará en vigor aos seis meses contados desde hoxe, regula tamén
o rexistro da artesanía alimentaria, no que deberán estar inscritas todas as empresas
implicadas. O rexistro dependerá da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal)
e permitirá coñecer con exactitude a dimensión deste recurso social, así como
xestionalo e calcular o alcance da acción administrativa, de xeito que o
esforzo da Administración beneficie aos profesionais do sector.
Ademais da denominación
xenérica “Artesanía Alimentaria”, o decreto establece outras dúas
identificacións que distinguirán dous tipos de produtos artesanais específicos:
unha para os produtos caseiros ou da casa e outra para os que se elaboran na
montaña. Os primeiros serán os que utilicen como base fundamental as materias
primas procedentes dunha explotación agraria ligada á empresa artesanal
responsable do produto. Pola súa banda, os produtos artesáns de montaña serán os
elaborados por empresas artesanais alimentarias radicadas en zonas cualificadas
como “de montaña”, de acordo co que establece a normativa da Unión Europea. Mediante
unha orde da Consellería do Medio Rural de próxima publicación aprobaranse os
logotipos que identificarán tanto os “Produtos artesáns” en xeral como os
“Produtos artesáns caseiros” e os “Produtos artesáns de montaña”.