O Deza reúne as pegadas arqueolóxicas da súa paisaxe

A Deputación de Pontevedra vén de presentar no Pazo de Liñares a exposición "Pegadas na paisaxe. O patrimonio de Deza" cun total de 36 obxectos arqueolóxicos, coa que pretende a progresiva, pero evidente transformación da paisaxe desde a Idade de Bronce ata a actualidade. 

Trátase dunha exposición divulgativa na que as fotografías e as ilustracións teñen un especial protagonismo, dando soporte á idea de Pontevedra como territorio de intercambio cultural desde a Prehistoria ata a Antigüidade tardía.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, enxalzou durante a apertura da mostra "a posición de centralidade" xogada pola provincia de Pontevedra entre o Atlántico e o Mediterráneo. "Fomos un territorio de intercambio cultural, comercial e social con todos os pobos que interactuaron na Ruta dos Fenicios", subliñou acompañada polo alcalde de Lalín, Xosé Crespo, e outros rexedores da comarca do Deza.

"Pegadas na paisaxe" está concibida para promover as visitas aos castros e xacementos do Deza, pero tamén aos centros etnográficos de todo o norte de Pontevedra. Conta con pezas en préstamo do Museo de Pontevedra, o Museo Etnográfico Casa do Patrón (Doade) e o Centro Etnográfico de Terra de Montes (Soutelo de Montes).