O Camiño Portugués promociónase cun catálogo e un audiovisual de “Camiño A Dentro”


Ven de presentarse un catálogo e un vídeo-resumo de todas as accións enmarcadas no proxecto “Camiño a dentro”, promovido pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia a través do programa “O teu Xacobeo”. 

“Camiño A Dentro” é un proxecto de posta en valor do Camiño Portugués na provincia de Pontevedra e do Camiño Portugués da Costa. Entre o 3 e o 25 de outubro pasados trece artistas, todas elas mulleres, realizaron accións en dez concellos para promocionar o Camiño. “Foi un proxecto dinámico, creativo e participativo que acadou os obxectivos de divulgar o noso patrimonio, dar a coñecer o traballo e o talento das mulleres, interactuar coa veciñanza, implicar aos colectivos sociais e culturais dos concellos e xerar un diálogo coas peregrinas e peregrinos”, salientou a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, durante a presentación do catálogo e o vídeo. 

A deputada agradeceu o seu traballo a todas as artistas que participaron no proxecto, ao alumnado de Belas Artes da Universidade de Vigo e do Colexio Santiago Apóstol de Soutomaior (que colaboraron na iniciativa) e á comisaria do proxecto, Paula Cabaleiro. As artistas participantes son Dores Tembrás, Carmen Quinteiro, Ruth Montiel, Marta Figueiredo e Sabela Caridad (ambas integrantes de Dúas), Noelia Blanco, Celina Fernández e Pia Nicoletti (as tres integrantes de Inherente Teatro), María Meijide, Lucía Loren, Carla Andrade, Nastasia Zürcher e Helen Bertels. “Todas elas son grandes artistas recoñecidas que evocaron o Camiño a través de distintas expresións e linguaxes”, subliñou Ana Laura Iglesias. 

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, destacou que o proxecto “teceu redes no territorio, implicando a alcaldes e a alcaldesas, e a entidades do ámbito educativo e sociocultural”. Ademais cualificou de “moi completo” o programa de “Camiño A Dentro” e explicou que as diferentes accións artísticas supuxeron “un estimulo cultural que acadou a implicación da cidadanía da provincia de Pontevedra”. O director xeral tamén agradeceu á Deputación de Pontevedra a súa colaboración institucional para levar adiante este proxecto. 

Entre os e as asistentes ao acto estaban o alcalde de Nigrán, Juan González; o rexedor de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey; varias das artistas participantes en “Camiño A Dentro”, e alumnado da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. 

A comisaria, Paula Cabaleiro, manifestou que “foi un proxecto fermoso” e engadiu que, á hora de abordalo, tivo en consideración varios factores. Así, citou que quixo “incluír a artistas de distintas disciplinas que coas súas creacións puidesen poñer en valor o Camiño, que fixeran un traballo moi vencellado ao territorio, que lograsen unha interacción coa cidadanía, e que puxesen en valor a creación artística contemporánea a través da danza, a música, a fotografía, o teatro e outras expresións”.