Lugo e Pontevedra vólcanse co aniversario do nacemento de Rosalía

O 24 de febreiro conmemórase o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e tanto a Deputación de Lugo como a de Pontevedra acaban de anunciar unha completa axenda aberta para celebrar esta efeméride. 

No caso da provincia lucense, programaranse máis dunha trintena de actividades culturais: recitais poéticos, representacións teatrais, actuacións musicais e intervencións artísticas co fin de ampliar o coñecemento e por en valor a vida e obra da autora, “referente necesario na procura de dignidade para a lingua e a cultura galegas e na defensa do papel das mulleres na sociedade”.

Un completo programa no que destacan actos como o do venres 28 de febreiro, no que se celebrará un acto poético musical coa presenza de 23 poetas que lle porán voz a poemas de "Follas Novas" e "Cantares Galegos", ademais recitarán versos da súa propia autoría sobre temáticas abordadas por Rosalía de Castro. A cantautora Paloma Suanzes acompañará o acto con varias pezas musicais.

No caso de Pontevedra, a programación concentrarase en 3 días, entre o 21 e o 24 de febreiro. Haberá actos institucionais, contacontos e incluso unha ‘visita' da poetisa ás instalacións provinciais e un paseo polas rúas das cidades de Pontevedra e Vigo. Rosalía de Castro camiñará de novo polas rúas de Pontevedra e Vigo, acompañada polo pintor e escritor Modesto Brocos, aproveitando para falar coa xente sobre a súa poesía. 

Rosalía e Brocos, representados polos Quinquilláns, Tero Rodríguez e Lucho Penabade, viaxarán no tempo e interactuarán con toda a xente que desexe achegarse a eles para compartir a importancia da cultura e a literatura en concreto, cunha sociedade presente que segue a ter a esta muller do século XIX como un auténtico referente.