HILO DIRECTO con... Xosé Lois Llamazares, de Galletas Daveiga

A partir dun proxecto de economía social e produción responsable, as galletas mariñeiras de Daveiga ten protagonizado nos últimos anos unha evolución impresionante, que as ten levado a colocarse dous anos seguidos entre as empresas europeas que máis medran segundo o ranking elaborado polo Financial Times. Falamos co coordinador xeral da marca, Xosé Lois Llamazares, para coñecer os segredos detrás do seu éxito e os plans para o futuro de Daveiga. 

Imaxinábades cando comezastes que poderiades chegar a unha situación como a que vivides hoxe?

De entrada non nos viamos na situación que estamos hoxe, non. Tamén é verdade que ao principio tampouco contábamos conque custara tanto arrancar ao meterse o imprevisto da crise dos anos 2008-2012. Pero a partir de aí si que comezamos un crecemento co que non contabábamos. 

E iso que no voso proxecto a prioridade tampouco era medrar canto antes e a calquera prezo… 

Non podía ser a calquera prezo porque tiña que garantir uns salarios dignos e sobre todo que o modelo fose viable. Nese sentido o crecemento non podía vir a costa de márxenes. Agora temos unha evolución importante a nivel de crecemento, pero mantemos a estratexia inicial, claro. 

Teño entendido que en Daveiga todo o persoal está bastante implicado coa marca. 

O propio modelo leva a eso. É un modelo bastante participativo, unha sociedade laboral na que os traballadores se van incorporando como socios á empresa. E aínda que non se incorporen, a nosa filosofía leva a trasladar toda a información que se manexa no proxecto, dende resultados ata evolución comercial, facturación mensual, salarios… Ese modelo de transparencia e de participación leva a máis implicación, lóxicamente. 

Sodes tamén un exemplo de que se pode triunfar dende o rural. 

Dende o rural e dende a economía social. Cun modelo de xestión onde realmente as persoas están no centro do proxecto e dende o interior de Galicia, si que se poden facer proxectos viables económicamente, innovadores… E tamén demostrar un pouco que no rural a actividade primaria ten que ser un eixe vertebrador, pero tamén hai outro tipo de actividades que tamén se poden facer. 

Tamén lle dades prioridade aos ingredientes locais… 

Nós dentro das materias primas que utilizamos, básicamente é fariña de trigo, aceite e manteiga. Na fariña incorporamos dende o principio á fórmula en torno a un 30% de fariña do país, e iso por filosofía, non porque a galleta mariñeira a necesitara. Pero si que nos parecía interesante definir o produto en base ás materias primas de aquí. O 100% non pode ser porque o proceso non admite o 100% dos trigos que son habituais aquí en Galicia. Pero hai que ter en conta que agora cando se aproba a IXP Pan Galego o que se esixe é o 25% do trigo do país, nós xa estamos por enriba. É un indicativo do noso compromiso. 

Contemplástedes a posibilidade de utilizar tamén aceite galego? 

Nós no histórico que temos da empresa un porcentaxe altísimo do aceito é transformado en Galicia, polo menos que teña valor engadido aquí, dado que aquí non hai produción de aceituna suficiente. Está indo a máis, pero non deixa de ser residual. Ademais están as características do aceite que se pode conseguir aquí. Para o aceite de consumo directo si é viable, pero co noso nivel de produción é máis complicado. 

A pesar dese apego a Galicia, a idea non naceu aquí, verdade? 

A nosa idea era trasladarnos a vivir á nosa zona de orixe a través dun proxecto de actividade económica, pero inicialmente estábamos pensando noutras cousas. O concepto da galleta mariñeira descubrímolo en Sudamérica, pareceunos interesante e trouxémola para aquí. Bueno, realmente rescatámola para aquí, porque inicialmente a galleta mariñeira fora de Europa cara América. O feito de que descubriramos que orixinalmente as galletas foran a través dos barcos dende a península axudounos moito a nivel comunicación, aínda que finalmente alí se consolidara como produto habitual e aquí fora desaparecendo. 

Por qué credes que funcionaron tan ben? 

Eu creo que é pola versatilidade que ten e porque ao final non deixa que ser un pan que se conserva, que non se bota a perder. Telo semprea aí, cando te acordas del cómelo. É a vantaxe que ten. 

Ademais, fóstedes desenvolvendo diversas variedades… 

Nós o que buscamos sobre todo é sabores, apoiándonos en ingredientes naturais. Produtos non tanto, non é tanto a nosa batalla. O que nos interesa é aproveitar as tendencias a través de ingredientes, o tema ecolóxico, o tema de consumo saudable… Hoxe hai ingredientes que son tendencia como pode ser a chía, tamén nos apoiamos niso para buscar un sabor diferente. Ao mesmo tempo que conseguimos unha referencia nova cun sabor diferente, tamén aproveitamos as tendencias do mercado. 

Cales son os plans de futuro para Daveiga? 

A nivel de estratexia comercial estes últimos anos estamos apostando por buscar novos mercados a nivel de Europa. O noso principal mercado é Portugal, pero queremos buscar potencial na Unión Europa para non depender dun mercado solo. 

Neste momento sodes dependentes de Portugal? 

Hoxe para nós é o noso mercado máis importante en facturación, está por enriba do 60% da facturación. 

E como se chegou a esta situación? Foi casualidade ou parte da vosa estratexia? 

Foi parte da estratexia, pero inicialmente non contábamos con ese porcentaxe de mercado. Veu a través de accións comerciais que se fixeron, de feiras… Tamén en Portugal hai unha cultura de consumo interesante en relación coa galleta mariñeira. Nós estamos posicionados en consumo saudable e aí hai moito máis volume de consumo que aquí. 

E no resto de Europa estavos costando? 

Temos dende hai anos facturación para Reino Unido, pero moi básica. Empezamos hai dous o tres anos a facer unha labor comercial máis importante en Francia, no resto de Reino Unido… Creamos a área de internacionalización, na que está unha persoa centrada exclusivamente. Son proxectos a longo prazo, entendemos que dentro duns anos recolleremos ese traballo.