Galicia segue buscando unha conexión marítima coas Illas Británicas

A Xunta segue estudando a posibilidade de establecer unha nova liña marítima que uniría Vigo con Plymouth, no suroeste de Inglaterra, e co Porto de Cork, concibida para carga rodada e para viaxeiros de Galicia ás Illas Británicas e tamén en sentido inverso.

Trátase dunha iniciativa que suporía un importante impulso para dinamizar as relacións comerciais e turísticas entre Galicia e Irlanda, na que se avanzou cunha xuntanza celebrada este xoves entre a Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria de Vigo e unha delegación do Porto de Cork, integrada por responsables da terminal irlandesa e da Capitanía Marítima, Brendan Keating e Nick Burke, respectivamente.

Este encontro dá continuidade á visita realizada o pasado mes de decembro por membros da Xunta de Galicia e da Autoridade Portuaria de Vigo á devandita localidade irlandesa.