Galicia Calidade amplíase para reforzar a competividade do sector agroalimentario

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo acaba de anunciar a ampliación con efectos inmediatos da marca Galicia Calidade, que reforzará a competitividade do sector agroalimentario identificando e potenciando os produtos galegos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida,  ou que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación.

A marca tamén amparará os produtos derivados das razas gandeiras autóctonas e co selo Galega 100%, que recoñece e distingue o leite de calidade diferenciada producido nas explotacións leiteiras da Comunidade, e o selo relativo á pesca de rías. 

“Había que conseguir outra vez que todos os sectores agroalimentarios creran neste selo único, e quero felicitar á Consellería, ao equipo e ao conselleiro por conseguilo, porque é un adianto clarísimo na boa dirección e unha boa nova para todos aqueles que cremos que Galicia ten que identificarse non coa cantidade, senón coa calidade dos produtos que transforma e que produce”, sentenciou.

“Non buscamos, pois, a cantidade a calquera baixo prezo, senón a produción con calidade diferenciada”, afirmou, subliñando que o plan de acción de Galicia Calidade estruturarase en cinco apartados: formación, investigación, promoción, internacionalización e a experiencia. Así mesmo, cómpre destacar que Galicia Calidade será unha aposta transversal das catro estratexias da próxima década: unha Galicia máis verde, unha Galicia máis innovadora, unha Galicia máis moza e unha Galicia máis familiar.