Galicia avanzará como destino de calidade deseñando as rutas Q

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participaron hoxe na xornada informativa sobre a implementación da Q de Calidade no Camiño de Santiago e nas Rutas do Viño, así como en espazos públicos singulares, que a Xunta emprenderá neste 2020 de xeito pioneiro en España. 

En colaboración co Instituto para a Calidade Turística (ICTE), coa que a Xunta asinou un convenio de colaboración, Galicia estenderá este distintivo de Calidade Turística de xeito pioneiro a dous itinerarios xacobeos, o Camiño Portugués e a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, así como ás Rutas dos Viños das Denominacións de Orixe Rías Baixas e Ribeira Sacra e, tamén por primeira vez, a espazos singulares como prazas, xardíns, monumentos de interese ou conmemorativos, bibliotecas, faros, paseos marítimos, etc. 


Durante a xornada de hoxe, na que se contou coa participación de técnicos do ICTE e do director xeral, Fernando Fraile, informouse a concellos e entidades interesadas destes ámbitos de influencia, para poder identificar de xeito conxunto os lugares tales como albergues ou espazos públicos singulares destas áreas para definir criterios técnicos para que podan ser recoñecidos coa Q de Calidade turística. 

Ferramentas específicas 
Como explicou Nava castro, grazas a este acordo poderán deseñarse este 2020 por vez primeira ferramentas de calidade específicas que avaliarán o seu sistema de xestión, os seus servizos e equipamentos nestas áreas de influencia. De feito, a Xunta organizou diferentes xornadas informativas tanto na área de influencia de Pontevedra como, pola tarde, en Monforte de Lemos, para a área de influencia da Ribeira Sacra. 

Con estas medidas Galicia avanzará como destino de calidade deseñando as rutas Q, onde se inclúen o Camiño de Santiago e itinerarios vitivinícolas, fomentando nestas contornas en especial a excelencia dos profesionais e dos servizos turísticos. Ademais, os profesionais do sector destas rutas Q, que están caracterizadas por contar con negocios de pequeno e mediano tamaño, contarán coa axuda necesaria para acreditar a calidade dos seus servizos e afondar na súa profesionalización. 



Galicia no seu conxunto consolidarase como un referente na calidade turística, reforzando o seu liderato en España con este tipo de recoñecementos dando resposta aos seus compromisos fixados na súa folla de ruta do Plan Director do Camiño de Santiago e Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 promovendo a excelencia na atención.