“Fame de experiencias”, finalista dos TV & Film Awards de New York Festivals

O audiovisual “Fame de experiencias”, co que se promocionou a provincia de Pontevedra durante o ano 2019, vén de ser recoñecida como finalista dos TV & Film Awards de New York Festivals. “Estamos moi satisfeitas e satisfeitos –sinalou A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela SilvA, chea de orgullo, - xa que non é soamente un recoñecemento ao traballo ben feito dunha administración que ten un modo auténtico de presentar o seu destino, senón que tamén pon en valor a creatividade e talento do audiovisual da nosa provincia”. 

“Fame de experiencias”, que recibiu en FITUR o premio ao mellor audiovisual impoñéndose por riba de 60 candidaturas, dá así o “salto internacional” o que supón “unha grande nova para a provincia”, en palabras da presidenta. O audiovisual, que se centraba en “poñer en valor ás persoas produtoras da provincia de Pontevedra pero tamén á nosa enogastronomía e cociña de excelencia”, competía con ata 50 países na modalidade de turismo do TV & Film Awards da New York Festivals e resultou finalista xunto con outros 15 participantes entre os que se atopan Azerbaijan, Dinamarca, Portugal, Francia, Serbia, Grecia, Chile, Suíza, Singapur e Noruega. “Rías Baixas é o único destino representante de España xunto con Madrid”, asegurou Silva. 

“Isto é unha grande nova para a provincia. Ser finalistas significa que se está visibilizando o noso vídeo en Nova York e isto ten un valor innegable. Non podemos esquecer que somos unha provincia de 950.000 habitantes que estamos competindo con lugares que están moi por riba dos dous millóns de persoas”, destacou a presidenta. Silva tamén informou que a finais de marzo se coñecerá o destino premiado e será en abril cando se faga entrega do galardón en Nova York. Ademais, a presidenta aproveitou para facer un recoñecemento á empresa produtora de “Fame de experiencias”, Esmerarte. “Teño que dicir que este audiovisual foi dirixido por Laura Fontán e Alberto Vaamonde, dúas persoas con gran talento pontevedrés que están dando sempre moitas alegrías”, asegurou Silva.