Canasteves, parte do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia


A Xunta incluíu no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia o conxunto formado pola fonte, a mina, o lavadoiro e a levada con canle de Canasteves como ben inmoble coa categoría de lugar de valor etnolóxico. En virtude desta decisión que publica o Diario Oficial de Galicia, a construción situada no concello coruñés de Ponteceso contará cunha protección integral, polo que, en calquera caso, todas as actuacións que se realicen neste ben deberán ir dirixidas á súa conservación, recuperación e posta en valor. 

O Goberno galego acredita así os valores propios da cultura tradicional deste conxunto polas súas características construtivas, o mantemento das súas partes integrantes e o alto valor que ten para a Comunidade. Aínda que non é posible acreditar a data exacta da construción deste ben de valor etnolóxico, as referencias orais lembran a súa existencia e mantemento comunal desde hai máis de 105 anos. 

A construción é un exemplo da arquitectura popular de Canasteves, con materiais baseados na tradición local. Neste sentido, o conxunto está formado pola fonte dun só cano e a mina, que conta cun depósito de máis dun metro de auga de altura; polo lavadoiro, de aproximadamente 2,30 metros de diámetro polo seu lado maior, e a canle e levada, construída con lousa de cachotaría que se estende 16 metros desde a saída da auga do lavadoiro. 

Tras a súa inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia os usos permitidos serán os asociados ao lugar históricamente, entre os que destaca a recollida de auga para o consumo e o lavado de roupa. Tamén poderán realizarse actividades de salvagarda dos valores culturais etnolóxicos asociados que supoñan a rehabilitación e posta en valor deste conxunto. Ademais, no ámbito inmediato ás estruturas que conforman esta construción debe garantirse a conservación do estado do seu contorno nas mellores condicións para a súa salvagarda e a súa interpretación.