Botelo do Barco no coruñés Árbore da Veira

A sétima Festa do Botelo na cidade da Coruña celebrarase o sábado, día 15 de febreiro. O lugar desta nova edición será o restaurante Arbore da Veira no Monte de San Pedro ao igual que nas seis celebracións anteriores. 

O Concello do Barco de Valdeorras está organizando esta nova festa do Botelo na capital herculina para continuar coa difusión do produto rei do inverno valdeorrés. O botelo, é dicir, o estómago do porco recheo de costelas adubadas, afumado e que se consume cocido, está acadando un gran recoñecemento e difusión fóra das terras valdeorresas. 

A festa comezará ás 12:30 horas coa recepción dos comensais e a continuación a comida na que os entrantes serán a tradicional sopa do cocido e a típica empanada de maravallas. O prato principal terá ao botelo como protagonista, acompañado de cachelos, chourizos e verdura. Todo isto regado cos viños de godello da Adega D´Berna e o tinto mencía de Adega Roandi. Para a sobremesa haberá bica e os licores da Adega Godeval. 

O xantar custa 36 € por persoa e as reservas xa se poden facer mediante o pago nun número de conta que o restaurante ten aberto. Aqueles que vaian en grupo deberían especificar o nome do grupo ao que pertencen para poder organizar as mesas. Pódense facer reservas ata o xoves, día 13 de febreiro. Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014 celebrou o pasado día 18 de xaneiro a súa vixésima edición na vila do Barco. Agora continúa a súa promoción fóra das terras valdeorresas e ademais da comida na Coruña, xa se está preparando outra en Vigo na súa VI edición para o día 7 de marzo.