Amaral, segundo grupo confirmado para os concertos de verán de Castrelos

O concello de Vigo segue desvelando paso a paso o seu programa de concertos de verán no auditorio ao aire libre de Castrelos, anunciando que o grupo Amaral actuará o vindeiro 25 de xullo (23:00 horas) dentro da programación Vigo en Festas. Así o anunciou o alcalde, Abel Caballero, asegurando que "teremos un Día de Galicia cun concerto excepcional e gratuíto en Castrelos”.

Trátase da segunda confirmación para as festas viguesas de verán logo de que se confirmase a actuación de Sting para o vindeiro 1 de agosto. Amaral trae a Vigo su gira Salto al Color na que reunirá as cancións máis recoñecidas e queridas da banda xunto con os seus novos traballos.

O novo disco abre co tema “Ondas do Mar de Vigo”, a cantiga de Martín Códax, cantada en galego antigo e coa colaboración de Carlos Núñez. Os dous vídeos foron gravados en Galicia (o primeiro en Vigo, coas illas Cíes como fondo, e o segundo na Ribeira Sacra). É a primeira vez que Amaral inclúe nun disco unha canción nun idioma distinto ao castelán.