Actualización das campañas para promover os produtos do mar entre os nenos

A consellería do Mar renovará as súas campañas "Ponlle as pilas ao teu bocata" e "O sabor da aventura", que chegaron dende 2010 a máis de 150.000 escolares de toda Galicia de entre 3 e 16 anos e agora sométense a un proceso de actualización para contar cunha linguaxe máis moderna e fresca que será visible tamén na imaxe das súas ferramentas web. Con esta actualización preténdese mellorar unhas campañas que no seu día foron premiadas pola Comisión Europea como exemplos de boas prácticas para o fomento do consumo de produtos saudables.

Esta renovación segue ademais os pasos da campaña galega destinada aos millennials "Vai de Peixe", que pretende favorecer o aumento do consumo de produtos do mar entre a xente nova a través das redes sociais, os medios máis empregados polas novas xeracións para comunicarse, e cunha linguaxe adaptada a elas.

Neste sentido, a acción "Ponlle as pilas ao teu bocata" -pensada para fomentar o consumo de conservas de produtos do mar entre os escolares a través de actividades nos colexios de educación primaria e nos campamentos de verán- iniciará unha nova etapa na que o pan e a lata se converterán nos protagonistas principais e os obradoiros, dunha hora de duración, estarán estruturados en tres fases para mellorar os seus resultados.

Nunha primeira fase didáctica mostraráselle aos nenos de xeito creativo a importancia de incluír as conservas de produtos do mar na dieta e a relevancia de preservar os recursos mariños. Na segunda, a lúdica, fomentarase o consumo e o interese polo coñecemento das conservas a través das personaxes da campaña -Pan e Lata- e na terceira, de degustación, aprenderán a manipular os produtos do mar, farán o seu propio bocadillo e degustarano.

Esta mesma estrutura mantense na campaña "O sabor da aventura está no mar", que ten entre os seus obxectivos familiarizar aos rapaces coa pesca e coa acuicultura, fomentar o consumo de produtos do mar frescos e que os cativos coñezan e diferencien as distintas especies de peixes e mariscos. Os obradoiros desenvolveranse nas escolas de infantil, primaria e secundaria de Galicia, nos campamentos de verán e noutras actividades culturais, ao tempo que haberá excursións a distintos portos e lonxas da comunidade para coñecer algúns dos lugares nos que se traballa con eses produtos.
Accións anteriores.