Acordo cos 11 concellos do Camiño Francés para avanzar na mellora paisaxística



Tras a sinatura dun acordo cos 11 concellos do Camiño Francés para avanzar na mellora paisaxística e dinamización desta ruta, que concentra seis de cada dez peregrinos, e no que se investirá máis dun millón de euros, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, salientou a necesidade de potenciar a sustentabilidade do Camiño de Santiago de cara ao próximo ciclo xacobeo que se inicia en 2021. 

No acto estivo presente José Antonio García Jurjo, o presidente da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, a entidade que aglutina aos municipios de Arzúa, Melide, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, O Pino, Portomarín, Samos, Sarria e Triacastela. Tamén acudiron algúns dos rexedores e representantes destes municipios. 

O responsable de Cultura e Turismo destacou a necesidade de impulsar o coidado desta ruta, declarada como primeiro Itinerario Cultural Europeo e Patrimonio da Humanidade, avanzando na súa sustentabilidade paisaxística, etnográfica e patrimonial. Precisamente, explicou que o respecto polo coidado do medio ambiente na Ruta Xacobea é un dos obxectivos do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 e do avance da programación deste evento. De feito, esta acción enmárcase na actividade Camiño Sustentable, que busca desenvolver políticas enfocadas ao coidado e preservación das diferentes rutas implicando a veciños e peregrinos. 

Entre as accións que se levarán a cabo figuran iniciativas de mellora paisaxística e embelecemento de recursos situados neste itinerario, accións de valorización, consolidación ou restauración de bens que integran o patrimonio etnográfico e, ademais, traballarase na supresión de elementos en desuso ou abandonados. 

O obxectivo destas actuacións é “ofrecer a mellor versión da nosa Comunidade” aos preto de 200.000 peregrinos que percorren esta ruta, así como contribuír a “unha Galicia máis verde e próspera”. Deste xeito, explicou que o acordo permitirá desenvolver actividades culturais e turísticas que favorezan a promoción do Xacobeo 2021, como tamén permitirá a contratación dun técnico que traballe na uniformación das ordenanzas locais que regulan asuntos como a venda ambulante, o embelecemento ou a sinalización ao longo deste Camiño. 

Tamén no eido turístico e de promoción desenvolveranse actuacións como a posta en marcha dun destino que opte ao recoñecemento de calidade turística SICTEC e levaranse a cabo accións anuais de promoción do Ano Santo que se executarán de xeito conxunto nos once municipios deste itinerario.