A Xunta reivindica a zona de Bonaval como atracción para o Xacobeo

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, alabou este martes a zona santiaguesa de Bonaval, recordando que alí se sitúan dous centros museísticos de referencia como son o CGAC e o Museo do Pobo Galego e asegurando que deben ser ""de cara á celebración do vindeiro Xacobeo 2021, elementos tractores para o turismo e un polo de oferta cultural para os peregrinos" tendo en conta que ambos os dous museos se atopan abeirados á Porta do Camiño, acceso principal polo que entran á cidade vella os peregrinos que acceden polo Camiño Francés.

Ao respecto do Museo do Pobo Galego, o conselleiro fixo fincapé no seu “enorme simbolismo” como “fogar espiritual de todos os galegos”. E subliñou o compromiso tanto do Consorcio como da Xunta con esta institución cultural. “Queremos ‒explicou o Román Rodríguez‒ que o Museo chegue á celebración do vindeiro Ano Santo nas mellores condicións posibles. Cunha oferta cultural de calidade para os galegos, os peregrinos e os turistas e un proxecto museográfico adaptado aos tempos”.

O conselleiro fixo estas declaracións durante a presentación da obra colectiva "Bonaval, de onte a hoxe. Da arquitectura á cidade", de Celestino García Braña, Xerardo Estévez Fernández, María Xosé Fernández Cerviño e Adrián Alonso Lorenzo. Un volume que forma parte da Biblioteca Científica do Consorcio de Santiago e foi dado ao prelo por Teófilo Edicións.

Na presentación participaron, ademais do conselleiro, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi; tres dos coautores da obra: María Xosé Fernández Cerviño, Celestino García Braña e Xerardo Estévez Fernández; e o editor da mesma, José Luis Teófilo.