A Xunta e a USC colaboran cun novo curso de profesionalización do sector hostaleiro

A Universidade de Santiago e a Xunta de Galicia, a través do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) colaborarán para impartir un curso de Xestión de Empresas de Restauración que comezará nas vindeiras semanas e pretende avanzar na profesionalización e na mellora da competitividade deste tipo de negocios na antesala do Xacobeo 2021.

A idea é proporcionar ferramentas prácticas de xestión para dirixir un establecemento de restauración coa finalidade de incrementar a calidade dos servizos prestados a turistas e cidadáns. Ademais, mellorará as destrezas dos profesionais á hora de acadar unha maior rendibilidade dos seus negocios, optimizando os recursos materiais e humanos de cada establecemento.

O curso estará impartido por profesores do CSHG e da propia Universidade de Santiago e, en virtude desta colaboración, os alumnos que o superen terán dereito a un título oficial expedido polo Goberno galego e a institución compostelá recoñecido con cinco créditos ECTS.

O curso contará cunha formación semipresencial de 50 horas –cun 80% da formación desenvolvida no CSHG– repartidas en cinco xornadas nos meses de abril e maio. Estará formado por cinco módulos: xestión e administración de recursos en restauración, análise de carta e menús e xestión de alimentos e bebidas, xestión de optimización dos recursos humanos, ferramentas TIC para a xestión do restaurante e novos modelos de restauración.

O prazo de inscrición comeza este xoves 27 de febreiro e permanecerá aberto ata o 26 de marzo. Os interesados poderán presentar a súa solicitude desde as webs de Turismo de Galicia e da Universidade de Santiago. Desde o CSHG poñeranse en contacto cos seleccionados e a formación desenvolverase entre o 13 de abril e o 25 de maio.

O curso forma parte do Plan de formación do sector turístico promovido pola Xunta, no que están previstas outras accións en materia de idiomas, accesibilidade, atención a urxencias sanitarias, protección de datos ou comunicación en situacións de crise, entre outros.