A praia do Muíño acondicionarase dentro do proxecto Visit Río Minho

A praia guardesa do Muíño, porta do espazo natural protexido do esteiro do Río Miño, acondicionará os seus accesos no marco do proxecto Visit Río Minho de preservación e valorización do Río Miño Transfronteirizo, permitindo a conexión dos dous sendeiros que desembocan no areal, un marítimo e outro fluvial, consolidando un novo treito da rede de sendeiros galego-portugueses do río Miño.

O deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, anunciou onte o inicio das obras, lembrando que "esta rede de sendeiros transfronteirizos é un dos maiores atractivos do territorio e dos que máis interese suscita, con máis de 100 km de rutas verdes que van desde os concellos de Crecente e Melgaço ata a desembocadura do río". Así mesmo, Benítez aproveitou a ocasión para reivindicar "novos fondos europeos que permitan completar o acondicionamento do resto de sendeiros, e levar a cabo este ambicioso proxecto de valorización e promoción do territorio, que abrirá as portas á chegada dun turismo sostible e de calidade".

Na actualidade, o acceso á praia do Muíño consiste nunha plataforma de recheo e un muro, así como un aparcamento a pé de praia. O proxecto de mellora e recuperación do acceso ao areal ten unha dobre finalidade, por unha banda a recuperación do entorno, preservando e protexendo un espazo de alto valor ecolóxico, e por outro, a mellora da accesibilidade e os servizos da praia para a cidadanía.

As obras inclúen a construción dunha rotonda cunha zona de carga e descarga, a creación dunha parada de bus, a ampliación das entradas ao areal con dúas pasarelas de madeira e a rexeneración da praia mediante o recuamento do muro de contención existente..