353 actividades en 45 concellos para celebrar o entroido de Ourense

A  Deputación de Ourense acaba de presentar o programa provincial de entroidos 2020, que inclúe nada menos que 353 actividades espalladas por 45 pobos, vilas e concellos e se desenvolverá desde hoxe mesmo ata o vindeiro 1 de marzo. 

A presentación tivo lugar no auditorio municipal Cartelle, en Outomuro, onde o presidente provincial Manuel Baltar destacou "o gran escaparate etnográfico que supón o noso entroido" ao que cualificou de "gran parque temático de cultura e tradición da nosa provincia".

Baltar dixo que o entroido "é unha das nosas grandes riquezas etnográficas", salientado que Galicia ten nove entroidos declarados de interese turístico e sete deles están na provincia de Ourense, e ademais do triángulo de Laza, Verín e Xinzo, cos seus carnavais de repercusión nacional e internacional, temos en lugares como Cartelle entroidos tan senlleiros como os de Sande ou As Teixugueiras", con personaxes básicos como as Bonitas, o Oso Salvaxe ou o Meco. "Estes o moitos exemplos máis representan a mostra da tradición, a idiosincrasia e as costumes dun pobo, o ourensán, que se transforma nesta data, como reflicte o programa que presentamos, un compromiso da Deputación por promover e difundir o noso entroido".

Do programa provincial de entroidos, que desenvolve a Deputación de Ourense, editaranse un mínimo de dez mil exemplares e preto de mil carteis, que serán distribuídos en concellos, entidades turísticas e establecementos de hostalería, xunto cun vídeo promocional, que se emitirá en televisión e que se difundirá nas redes sociais, "para darlle todo o relevo que merece esta festa, inherente á nosa alma como pobo", expresou Manuel Baltar.

"Todas as administracións temos que apoiar esta experiencia de encontro coas nosas tradicións seculares, que van pasando de xeración en xeración para mantense vivas e que paga a pena conservar", salientou Baltar, remarcando que "así de importante é o noso carnaval; somos unha provincia de entroido. Por suposto, temos unha riqueza paisaxística, monumental, natural, gastronómica e cultural, e a nosa condición de provincia co maior potencial termal de Europa, pero o entroido amosa a conexión plena da xente, e desde o lugar máis pequeno, que é o lugar máis grande, a nosa provincia transmite esa herdanza de historia e tradición".