330.000 euros para a profesionalización do sector turístico na provincia de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra acaba de presentar as bases para a concesión de subvencións para actividades de carácter turístico durante o 2020, e tamén das bases reguladoras para a concesión das axudas para o financiamento dos custos da dotación de persoal para a realización de tarefas de información en oficinas de turismo adheridas á rede de Info Rías Baixas 

En concreto, as subvencións para actividades de carácter turístico estarán dotadas con 130.000 euros e pretenden apoiar o tecido asociativo da provincia que realiza accións turísticas ou sociais, culturais ou deportivas con impacto no turismo. Deste xeito, para a concesión das subvencións teñen prioridade aquelas iniciativas que se desenvolven con criterios de sustentabilidade, de fomento da cultura e tradición local, actuacións de impulso á desestacionalización e á profesionalización do sector turístico, actividades con premios ou recoñecementos oficiais, con impacto fóra da provincia ou aquelas accións encamiñadas a promover turismo enogastronómico.

No que respecta ás subvencións en oficinas adheridas á rede de turismo Info Rías Baixas, a Deputación destina 200.000 euros para unha liña de axudas que poderán solicitar as entidades locais que integran a administración local que dispoñan dunha oficina de turismo ou punto de información turística adherida á rede de oficinas de turismo Info Rías Baixas. 

Estas subvencións son para a contratación dunha persoa informadora para cada entidade solicitante e, no caso dos municipios turísticos poderanse incrementar os recursos para empregar ata dúas persoas. Máis polo miúdo, os concellos con oficinas adheridas a rede Info Rías Baixas son A Guarda, A Estrada, Sanxenxo, O Grove, Caldas, Cangas, Moaña, Marín, Oia, As Neves, Cambados, A Illa de Arousa, Meaño, Silleda, Bueu, Ribadumia, Catoira, Baiona, Cuntis, Poio, Salvaterra e Nigrán.