33 restaurantes Lacónicos para degustar o entroido na Coruña


A partir do próximo venres, 7 de febreiro, e ata o domingo 1 de marzo, A Coruña acollerá un ano máis as 'Lacónicas, V Xornadas gastronómicas do Lacón con Grelos'.

Nesta ocasión serán 33 os restaurantes de toda a cidade que participen nestas xornadas, nas que os menús custarán entre 19 e 30 euros e estarán compostos pola tradicional sopa, a laconada e as sobremesas con filloas e orellas ademais da bebida e o café.

As xornadas Lacónicas son unhas xornadas distintas e singulares á programación habitual de eventos gastronómicos do Consorcio de Turismo da Coruña, xa que nelas búscase exaltar un produto clásico da cociña tradicional galega no marco dunha festa tan querida polas coruñesas e coruñeses como é o Entroido.

Paralelamente a estas xornadas, os mercados municipais coruñeses terán tamén o seu protagonismo. O 15 de febreiro a Praza de Santo Agostiño acollerá un showcooking con degustación a cargo do cociñeiro Antonio Amenedo que terá un límite de 20 prazas.

O sábado seguinte, sábado de Entroido, a actividade trasladarase á Praza de Lugo, onde haberá dous obradoiros infantís gratuítos relacionados coas Lacónicas e unha degustación de filloas e orellas ademais da actuación da comparsa popular Monte Alto a 100. Os obradoiros serán para nenas e nenos de 5 a 10 anos e limitados a 15 prazas cada un. O único requisito para participar é acudir disfrazado.

Tanto para a participación no showcooking como nos obradoiros infantís, é preciso inscribirse a través do email xornadaslaconicas@gmail.com.