216 millóns de euros en axudas para a agricultura e gandería

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde da Consellería de Medio Rural que regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandería e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema Integrado de Xestión e Control (coñecidas como PAC). Os interesados poderán presentar de forma telemática a solicitude única, ata o vindeiro 30 de abril. 

O orzamento previsto para esta convocatoria elévase aos 216 millóns de euros, dos cales 170 millóns corresponden aos pagamentos directos da PAC e máis de 46 millóns de euros a medidas de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas).

Prevese que uns 27.000 agricultores e gandeiros soliciten estas achegas, que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria e que son de gran interese para o sector primario.

A Consellería do Medio Rural traballa con máis de 50 entidades colaboradoras para prestar apoio ás persoas interesadas nestas achegas, como son as entidades bancarias, asociacións agrarias, organizacións profesionais e as entidades de aconsellamento.