Vilariño de Conso reunirá 600 gaiteiros esta fin de semana

O concello de Vilariño de Conso converterase este sábado 25 de xaneiro na capital da gaita e da música tradicional en Galicia, coa celebración da primeira fase do XI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas en memoria de Adelaida Domínguez Pérez, cantora de coplas de cego de Pradoalbar.

Prevese renovar o éxito acadado o ano pasado, cando se aumentou de 300 a preto de 500 gaiteiros reunidos e se conseguiu congregar a un público de 5.000 persoas en Manzaneda. 

A presentación deste evento cultural tivo lugar no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, acto no que participou o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía; o director da Real Banda de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo; e o coleccionista de pliegos de cordel, Julio Domínguez.

No Certame daranse cita "600 gaiteiros procedentes de bandas de gaitas de diferentes municipios da provincia, de León, Lugo, A Coruña, Asturias e Portugal", sinalou Xosé Lois Foxo. O evento comezará ás 11.00, a entrega de diplomas e medallas terá lugar ás 14.30 horas e, posteriormente, tódalas bandas participantes interpretarán conxuntamente o Himno do Antigo Reino de Galicia.

Ademais do Certame, o vindeiro venres, 24 de xaneiro, ás 17.30 horas, terá lugar a inauguración en Chaguazoso do monumento á copla "O caso das Piornizas", creada por Leandro Besteiro no 1949.