Vigo pecha a campaña de Nadal cun "éxito incontestable"

Vigo deu por finalizada este domingo a campaña de Nadal co acto de apagado do alumeado, nun acto ao que acudiron unhas 25.000 persoas segundo as contas do concello e que contou coa actuación deTony Lomba e Elio dos Santo. 

Foi a traca final dunha campaña de case dous meses na que mais de tres millóns de persoas pasaron pola árbore da Porta do Sol -o pasado ano foron dous millóns- e Vigo rexistrou unha ocupación hoteleira media do 82%, cifra que superou o 90% nas fins de semana, segundo acaba de facer público o alcalde, Abel Caballero. .
"O éxito do Nadal en Vigo é incontestable", asegurou poñendo en valor que esta ocupación media durante case que dous meses, algo "que non ten precedentes" e que supón un aumento de dez puntos porcentuais con respecto ao ano pasado.

No relativo á xente congregada, o rexedor detallou algunhas cifras, como as 170.000 persoas que asistiron ao acto de acendido das luces, as 700.000 da ponte da Constitución ou as 200.000 que asistiron á Cabalgata. En atractivos singulares, máis de 100.000 persoas visitaron o belén monumental de Casa das Artes e máis de 72.000, o poboado de Nadal emprazado na Casa Galega da Cultura, mentres que 50.000 persoas entraron na caseta de Papá Noel e do carteiro real.

Engadiu Caballero que máis de 20.000 viaxeiros subiron ao NadalBus, dos que case que 5.000 empregaron a tarxeta PassVigo, e no Tren de Nadal foron 8.000 persoas -2.000 con PassVigo- desde o 28 de decembro que se puxo en marcha. Un dos principais atractivos do Nadal vigués deste ano, a noria emprazada na Alameda, citou a 152.000 persoas, das que 15.000 fixeron uso da tarxeta PassVigo para obter prezo bonificado.