Os Premios Martín Códax da Música seguirán contando co apoio da Xunta

A Cidade da Cultura de Galicia acolleu o encontro no que se materializou a firma do convenio de colaboración mediante o que a Xunta volve apoiar economicamente a organización dos Premios Martín Códax da Música, que este ano celebran a súa sétima edición a prol dunha maior proxección social do traballo dos profesionais da música en Galicia.

Asinárono o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a presidenta da asociación Músicas ao Vivo, Xiana Lastra. De acordo co devandito documento, a entidade da Consellería de Cultura e Turismo contribuirá ás diferentes accións vinculadas á convocatoria destes galardóns, que se irán desenvolvendo nos vindeiros meses.

Como remate, nunha gala na se entregarán os 17 premios nas diferentes categorías musicais, os tres Organistrum para salas, festivais e espazos de comunicación musical e o honorífico a toda unha traxectoria.