Os fogos do apóstolo deixarán o Obradoiro

Os tradicionais fogos das festas do apóstol deixarán de lanzarse este ano dende a Praza do Obradoiro, abandonandose unha tradición que se mantiña dende hai centos de anos ante o risco que supoña para a Catedral e o resto do patrimonio. 
Foi unha decisión "complicada" tomada polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que trasladará o lanzamento dos fogos a unha ubicación alternativa aínda por determinar, sonando como opcións máis posibilistas o parque de Belvís e a Alameda. 

O que sí manterá o obradoiro será o espectáculo de luz e son da noite do 24 de xullo, que incluso aumentará o aforo disponible para o público grazas á diminiución das medidas de seguridade necesarias por causa dos fogos. 

Paralelamente, o alcalde de Santiago tamén presentou un documento que recolle actuacións urxentes no entorno da Catedral e nas zonas anexas da cidade histórica de cara ao Xacobeo 2021. En concreto, recóllense actuacións nas  prazas da Inmaculada, Obradoiro, Praterías, Quintana; en San Francisco; avenida de Xoán XXIII; rúa do Franco; rúa da Raíña e praza de Fonseca; rúa Travesa de Fonseca; rúa do Vilar; rúa Nova; praza do Toural e Cantón do Toural; praza de Fuenterrabía e rúa da Senra e praza de Galicia.

As medidas a realizar están todas encadradas nos seguintes epígrafes: accesibilidade, servizos públicos, mobilidade, iluminación ornamental, regulación dos usos dos espazos públicos no entorno da catedral e outras actuacións nos espazos públicos. Segundo indicou o rexedor, algunhas delas xa se están a realizar e, a meirande parte, comezarán canto antes.

No que respecta á accesibilidade, tres son as actuacións fundamentais: habilitarase un novo acceso para as cubertas da catedral e o museo no Arco de Palacio; mellorarase a imaxe da Costa do Cristo cambiando o actual acceso ao departamento municipal de Tráfico; e na praza de Galicia cambiarase a ubicación da parada do autobús ao aeroporto, que recollerá os vixeiros no carril de servizo do actual aparcamento co obxectivo de descargar a presión da beirarrúa na que actualmente se atopa a parada. Así mesmo, procederase tamén á ampliación de beirarrúas.

En canto aos servizos públicos, melloraranse os existentes en Costa do Cristo, Alameda e parque de Xixón; e construiranse novos na rúa de Raxoi e na praza das Praterías. O alcalde tamén fixo constar a iniciativa da Fundación Catedral de ampliar os aseos públicos do antigo centro de atención aos peregrinos na Casa do Deán.

No ámbito da mobilidade procederase a reducir o límite temporal da distribución de mercadorías na cidade histórica e habilitaranse novas zonas de reparto en Rodrigo de Padrón e praza de Fuenterrabía. En iluminación, encargarase un proxecto urxente de iluminación exterior do conxunto da catedral e un plan director de iluminación do conxunto da cidade histórica.