Nova liña para a transformación e comercialización de produtos agrarios

A consellería de Medio Rural destinará 26 millóns de euros para a transformación e comercialización de produtos agrarios nos anos 2020, 2021 e 2022, segundo anunciou o conselleiro José González durante a visita á Queixería Entrepinares, situada na localidade luguesa de Vilalba e que cualificou como “instalación de referencia” en Galicia no que atinxe á transformación e posta en valor do leite.

A nova convocatoria de axudas, que sairá publicada próximamente no DOGA, destinarase a financiar a creación, ampliación e modernización das instalacións de transformación e comercialización de produtos agrarios. Dela poderán beneficiarse os empresarios individuais ou sociedades que realicen actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como compra de terreos. Tamén se sufraga a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos.

Nesta visita, o conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, reiterou o apoio da Xunta a estes procesos de transformación, que definiu como “a mellor fórmula para darlle valor engadido ás nosas producións e nomeadamente ao leite”.

A queixería Entrepinares-que precisamente foi beneficiaria deste tipo de axudas en varias ocasións- é o maior fabricante nacional de queixos, cunha produción anual duns 69 millóns de quilos e presenza en 35 países.