Medio Rural convoca os XI Premios Agader

A Consellería do Medio Rural convoca a 11ª edición dos Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural. A dotación orzamentaria total é de 80.000 euros, a razón de 10.000 euros para cada un dos gañadores participantes nas oito categorías establecidas. 

A resolución publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) establece as bases do galardón e recolle as oito categorías: de mozos, para persoas de menos de 40 anos; cultural e de recuperación patrimonial no medio rural; de interese social, para aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos ou do coidado dos maiores; categoría de turismo; do sector agrogandeiro; de mulleres rurais, para iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por elas; de innovación tecnolóxica e, por último, de loita contra o abandono de terras e a favor da súa recuperación e posta en valor. 

Os premiados recibirán un diploma e unha dotación en metálico de 10.000 euros que o gañador deberá reinvestir na iniciativa gañadora para realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias. Poderán presentar a candidatura, e só nunha categoría, tanto as persoas físicas como xurídicas de natureza privada, que executaran un proxecto en Galicia que teña contribuído de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada.