Descentralización e desestacionalización: a Xunta lanza o programa Elixe Galicia

A Xunta lanza Elixe Galicia, un programa de estadías turísticas e de ocio dirixido a menores de 30 anos, familias con fillos menores e persoas maiores de 55 anos co obxectivo de favorecer a desestacionalización da actividade turística dentro da Comunidade e fomentar a creación de emprego no sector. O proxecto contará cun investimento total de 1,6 millóns de euros por parte do Goberno galego, que financiará o 40% do custo das viaxes. Os usuarios aboarán o 60%, polo que o valor estimado do contrato é de 4 millóns de euros. 

O programa permitirá financiar en 2020 e 2021 un mínimo de 12.800 prazas e constará de catro modalidades: Vacacións en zonas costeiras, Rutas de Patrimonio Histórico e Cultural, Rutas de Natureza e Estadías en Balnearios. Todas as viaxes do programa realizaranse en provincias distintas ás de orixe co obxectivo de dar a coñecer as particularidades de cada zona do territorio galego a toda a cidadanía. 

Elixe Galicia enmárcase na aposta da Xunta pola descentralización e a desestacionalización da oferta turística galega, dun xeito sustentable, a través da posta en valor de elementos como a paisaxe, a gastronomía, o patrimonio ou o termalismo. Os meses do verán e Semana Santa quedarán fóra dos períodos ofertados co fin de favorecer a actividade en tempada media e baixa. 

Trátase de obxectivos clave no modelo turístico do Goberno autonómico, que aposta por crear emprego de calidade vinculado ao turismo durante os 12 meses do ano en toda a xeografía galega, potenciando a importancia e o peso deste sector na economía da Comunidade. De feito, o turismo supón na actualidade o 10,4% do Produto Interior Bruto de Galicia e o 11% dos postos de traballo. 

O proxecto articularase en dúas fases, a primeira centrarase na contratación dos servizos para a creación, organización, xestión e comercialización do programa Elixe Galicia por parte de axencias de viaxe. A segunda será a apertura da convocatoria, no primeiro trimestre do ano 2020, para que os usuarios presenten as súas solicitudes e opten a ser beneficiarios do programa. Esta selección realizarase por sorteo con reserva de prazas para colectivos especiais como familias numerosas, persoas con discapacidade ou con baixos ingresos. A saída inaugural está prevista para o mes de marzo, fóra da tempada alta. 

No que respecta ao número de prazas, ofertaranse máis de 12.800, distribuídas en 6.100 para o ano 2020 e 6.700 para 2021. No caso do programa Vacacións en zonas costeiras, contará cun total de 3.200 prazas en 2020 e 3.500 no 2021. Pola súa banda, a Ruta de Patrimonio Histórico e Cultural disporá de 1.200 prazas no primeiro ano e 1.300 no segundo. No que respecta á Ruta de Natureza e Montaña, contará con 1.200 e 1.300 en 2020 e 2021, respectivamente, mentres que para as Estancias en Balnearios ofreceranse 500 prazas o primeiro ano e 600 no segundo. 

Un dos obxectivos deste programa é fomentar o turismo interno, unha modalidade que experimentou un importante crecemento no último lustro, cun crecemento do 15,4% desde 2013. De feito, no pasado ano o turismo interno supuxo preto de 1,4 millóns de viaxeiros que realizaron preto de 3 millóns de noites.