Compostela Rupestre avanza para protexer o seu patrimonio

O concello de Ames acolleu este marte unha xuntanza do Consello de dirección de Compostela Rupestre, a primeira presidida polo seu tenente de alcalde David Santomil, co obxectivo de detectar as necesidades máis urxentes dos bens patrimonias dos cinco concellos que forman parte do proxecto (Ames, Brión, Santiago, Teo e Val do Dubra) e avanzar na elaboración dun plan de xestión co fin de asentar a constitución do parque arqueolóxico que pretende impulsar, conservar e difundir os petroglifos do territorio. 

Na xuntanza  presentouse o informe final elaborado pola empresa Horizonte Norte por parte do arqueólogo director, Mario César Vila que explicou as liñas fundamentais dun documento que detecta as necesidades máis urxentes dos bens patrimoniais de Compostela Rupestre.

En concreto, este informe contempla a revisión documental, catalogación, selección de cara a posta en valor e adquisición de terreos dos petroglifos e xacementos rupestres catalogados nos cinco concellos integrantes da mancomunidade da comarca de Compostela.

O documento será a base para a elaboración dun plan de xestión para conservar e difundir a arte rupestre nos cinco concellos, financiado e promovido pola Deputación da Coruña, que será obxecto de licitación neste ano 2020.

O equipo responsábel do traballo detectou tamén petroglifos inéditos e propuxo medidas correctoras urxentes como a limpeza de vexetación da contorna, información aos propietarios da existencia dos bens, fotogrametría de detalle e a diagnose dos elementos e propostas de conservación.

Como sinalou o arqueólogo Mario César Vila na súa explicación do informe, o traballo ofrece tamén o estudo dunha proposta de selección para a adquisición de terreos con gravados rupestres singulares e características axeitadas ademais da selección para a súa posta en valor. O traballo inclúe tamén propostas de cara á elaboración do plan de xestión, o estudo proposta de segregación para a adquisición de terreos con gravados rupestres e unha proposta de musealización 3D virtual.

Acordouse facer os traballos de limpeza e mantemento por parte das administracións locais e potenciar o roteiro dos petróglifos PRG-238 no concello de Teo, que xa está homologado. Na xuntanza acordouse convocar proximamente o Consello asesor para validar os acordos e estudáronse tamén distintas propostas para a difusión e posta en valor de Compostela Rupestre.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destacou a rigorosidade do informe presentado e urxiu a "acelerar a elaboración do plan de xestión que consolidaría o proxecto e facilitaría tamén a tramitación administrativa de todas as fases contempladas, desde a compra de terreos até a posta en marcha de estratexias de aproveitamento e posta en valor do patrimonio, de carácter turístico, educativo, de divulgación científica e mesmo de implicación da veciñanza".

O presidente do Consello de Dirección de Compostela Rupestre, David Santomil, apuntou a "necesidade de preservar a seguridade dalgúns dos bens patrimoniais", en especial, despois das agresións producidas nalgúns dos petroglifos do territorio, como foi o caso do petroglifo do Vilar en Ames no ano 2013 ou no petroglifo do Castriño de Conxo no 2019.