As pegadas do Camiño no Barbanza recupéranse cunha exposición itinerante


Este xoves inaugurouse na Casa da Cultura da Pobra do Caramiñal a exposición itinerante "As pegadas do Camiño de Santiago no Barbanza: A Orixe", que reflicte a través de fotografías inéditas os valores patrimoniais que dan fe da histórica ruta xacobea dende Corrubedo. 

A exposición está organizada pola Asociación de Amigos de Santiago no Barbanza. A Orixe e patrocinada polo programa "O teu Xacobeo". Tras unha primeira parada no concello de Riveira, permanecerá todo o mes de xaneiro na Pobra, e posteriormente seguirá o seu particular camiño xacobeo a través de Boiro (febreiro), Rianxo (marzo), Dodro (Abril) e Padrón (Maio). 

Polo de agora a planificación limítase a estes seis concellos, os mesmos polos que pasa a ruta de peregrinación terrestre que tamén tratan de recuperar dende a asociación, aínda que non descartan levala ata Compostela e outras localidades vinculadas aos camiños. 

En todas tratarán de repetir o éxito colleitado na Pobra, onde abarrotaron a inauguración con público de toda a comarca, entre os que non faltou o alcalde da localidade, Xosé Lois Piñeiro e o arcipestre de Postmarcos, Manuel Villar. Todos asistiron a un recorrido guiado a cargo do comisario da exposición, Antonio González Millán, que explicou a importancia das fotografías e deu conta dos 200 elementos patrimoniais que teñen localizado na histórica ruta xacobea no Barbanza.