A provincia da Coruña, protagonista do novo selo de correos

Algúns dos elementos máis característicos da provincia da Coruña protagonizarán o novo selo que acaba de presentar Correos dentro da súa seria "12 meses, 12 sellos". 

En concreto, o selo presenta as dúas iniciais da provincia, integrando dentro da letra A a Torre de Hércules e as almeas do Castelo de Vimianzo, e dentro da C a madeira que simboliza o bastón dos peregrinos que percorren o Camiño de Santiago, o símbolo da concha da vieira, enmarcado nun dos seus característicos azulexos azuis, e o rosetón da Igrexa de San Martiño de Noia.

As iniciais figuran sobre un fondo no que se observa a imaxe da ponte sobre o río Sesín, no parque natural das Fragas do Eume.

Este selo, cun valor facial de 65 céntimos que permite franquear unha carta con destino a calquera provincia española, súmase aos máis de 90 que Correos ten dedicado á provincia e a diversos motivos coruñeses.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o director de Filatelia de Correos, Modesto Fraguas Herrera, presentaron esta mañá na sede da institución provincial este novo selo, aproveitando González Formoso para mostrar o seu agradecemento para un selo que permitirá "que algúns dos principais emblemas culturais, naturais e patrimoniais desta terra coma a Torre de Hércules, o Castelo de Vimianzo ou o Camiño de Santiago viaxen por carta a todos os recunchos de España".