A hostalería lucense móvese en torno ao Camiño

Entre hoxe e o vindeiro 9 de febreiro medio cento de establecementos hostaleiros da provincia de Lugo participarán nas xornadas gastronómicas en torno a Camiño de Santiago organizadas pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) e financiadas pola Xunta de Galicia a través do programa “O teu Xacobeo”.

A idea é servir tapas, racións, pratos ou menús con receitas tradicionais da gastronomía lucense moi apreciadas polos peregrinos, como bertóns recheos, caldo galego, sopa de cabaza, caldo de castañas, empanadas, polbo, lamprea, lacón con grelos ou filloas. Os restaurantes están espallados por 23 concellos da provincia, practicamente todos transitados polas rutas Xacobeas (Camiños Francés, Norte, Primitivo ou de Inverno).

Paralelamente, o día 8 de febreiro celebrarase en Lugo un congreso sobre a cultura gastronómica dos Camiños que contará con destacados profesionais. Incluirá catas de cafés e de viños, demostración e elaboración de receitas, un obradoiro de cociña para nenos ou unha charla a cargo de David de Jorge, cociñeiro e xornalista, coñecido como Robin Food e autor de varios libros gastronómicos e blogs sobre a materia. Terá lugar no MIHL e poden consultarse os detalles así como información sobre a reserva de prazas para as distintas actividades na páxina web da APEHL.

O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro puxo este proxecto dos hostaleiros lucenses como exemplo do tipo de eventos que o goberno provincial quere promover mediante O teu Xacobeo, ao ser unha proposta “que pon o acento nun aspecto fundamental do noso patrimonio inmaterial, como é a gastronomía, na que se implican os axentes sociais e económicos, e que se estende polo territorio”.