A estación de Manzaneda prepárase para saír a concurso

A explotación da estación de montaña de Manzaneda sairá a concurso cando se celebre a próxima Xunta xeral de accionistas de MEISA, integrada na súa maior parte pola Xunta e pola Deputación de Ourense. 

A idea é iniciar unha nova etapa no complexo deportivo de turismo e ocio, nunhas instalacións que xa contan cos novos canóns de innivación, un avance texnolóxico que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, cualifica como "un dos investimentos máis importantes na historia da estación de Montaña".

Nesta nova etapa de xestión, na que se levará a cabo un concurso aberto para atopar un novo operador, "buscamos cumprir os retos e as expectativas deste novo momento do complexo deportivo". 
Este compromiso de sacar a concurso próximamente produciuse na reunión da Xunta xeral de accionistas celebrada na propia Manzaneda, na que tamén se deu conta na reunión das actividades que se veñen desenvolvendo na estación de montaña, "todo elo nun clima de unanimidade sobre as cuestións que se puxeron sobre a mesa", valora o presidente do goberno provincial.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou a incorporación de José Ramón Lete Lasa ao órgano directivo da sociedade subliñando "a compoñente deportiva" de Manzaneda, e explicou que a posta en marcha dun novo concurso "marcará un antes e un despois para a estación de montaña".