A Deputación de Pontevedra recuperará a Xunqueira de Alba

A Deputación de pontevedra acaba de poñer en marcha un proceso "ambicioso e complexo" para recuperar a Xunqueira de Alba, trasladando os equipamentos que a institución provincial ten en terreos do humedal ata o polígono de Barro. 

"Nós tiñamos un compromiso serio, real e verdadeiro –asegurou a presidenta da Deputación, Carmela Silva– para recuperar a Xunqueira de Alba desde o punto de vista medioambiental e hoxe anunciamos que iniciamos o procedemento. O noso compromiso co medio ambiente cara á transición ecolóxica é irrenunciable. Non hai marcha atrás"

Para Silva trátase dunha "grande nova para o medio ambiente e para a cidade de Pontevedra. Un modelo novo e diferente de actuar no territorio no que se respecta o medio ambiente; un proxecto da Deputación pero tamén un proxecto de cidade". Así, a presidenta recordou que o traslado do parque de Maquinaria ao polígono de Barro responde á necesidade de "cumprir coa lei, xa que segundo a lei de costas o límite da concesión rematou xa en xullo de 2018" pero sobre todo se trata "dunha decisión consecuente coas políticas deste Goberno provincial enmarcado no compromiso real co medio ambiente e a transición ecolóxica".

O proceso terá un custo estimado de 3,2 millóns de euros e seguirá un proceso de tres fases". Así, a primeira terá lugar xa neste 2020 e contará cun orzamento de 120.000 € para a redacción dos estudos previos, os proxectos de obra e de demolición, o proxecto de rexeneración e as autorizacións e licenzas.

Posteriormente, nunha segunda fase que terá un prazo de execución de entre 16 e 24 meses e un orzamento de 2,1 millóns de euros, licitaranse e executaranse as obras de construción da nave do parque de Maquinaria no polígono de Barro. Nesta etapa tamén se procederá ao traslado de equipamento e material desde a Xunqueira ata Barro.

A última fase do proxecto, cun orzamento previsto de 884.000 euros, consiste na recuperación da Xunqueira de Alba. Neste caso, segundo informou Carmela Silva, licitarase a recuperación do espazo, executaranse obras e demolicións de edificios, así como a xestión de residuos, a reposición de servizos ou a formación do humedal e do bosque de ribeira.