A Deputación de Pontevedra estrea nova sede en Vigo

A Deputación de Pontevedra abrirá a súa nova sede en Vigo, que segundo a súa presidenta Carmela Silva será "un espazo para a cidadanía e ao servizo do talento feminino da provincia" que irá máis alá do que representa unha sede administrativa e "promoverá a cultura, o talento, apoiará a actividade económica, estará moi preto da cidadanía e cederá os seus espazos aos colectivos".

A nova sede estará situada na rúa Eduardo Chao 17-19, ocupará 1.465 metros cadrados, cun soto de 385 m2, un baixo de 372,14 m2, un primeiro piso de 372 m2 e un segundo de 160. "É moi amplo, con capacidade de multitude de accións que van permitir revitalizar, aínda máis, un Casco Vello que está totalmente renovado, converténdoo nun gran centro de dinamización de Vigo".

Dende a Deputación teñen pensado inaugurar esta nova sede por todo o alto, cun evento que terá lugar hoxe ás 19:30 e estará un espectáculo moi vangardista, enmarcado na diferencia que sempre caracteriza as accións da institución provincial". De feito, a inauguración contará como condutoras as actrices viguesas Jazmín Abuín e Deborah Vukusic, "moi potentes e divertidas".

A partir de aí comezará unha completa axenda de actos durante toda a semana próxima. O luns, 3 de febreiro de 10 a 14 horas, terá lugar un showroom de SmartPeme no que se van presentar "todas as actividade que o servizo vai realizar en Vigo no 2020". O martes, 4 de febreiro de 10 a 13.30 horas, terá lugar un obradoiro para o público infantil e de primaria denominado "O océano a través dos sentidos". 

O mércores, 5 de febreiro ás 19 horas, terá lugar o acto de entrega da IV edición dos Premios Sofía Novoa aos mellores Traballos de Fin de Grao e de Fin de Master que inclúen a perspectiva de xénero. Pola súa banda o xoves, 6 de febreiro de 19 a 21.30 horas, terá lugar o festival de música "Talento feminino" no que participarán grupos de mulleres para "amosar ás nenas que estudan en escolas de música que hai mulleres moi potentes, que hai referentes femininos neste ámbito". O venres, 7 de febreiro, terá lugar un almorzo informativo cos medios de comunicación da cidade para facer balance e adiantar novas iniciativas que se van poñer en marcha. Ademais, ese mesmo día ás 13 horas haberá unha "sesión vermú", á que van ser convidados colectivos do Casco Vello de Vigo, coa posta en valor dos noso produtos nunha degustación que vai elaborar o CIFP Manuel Antonio.