A Deputación de Lugo e o CRDO Ribeira Sacra impulsarán conxuntamente a candidatura a Patrimonio da Humanidade

veñen de asinar un convenio de colaboración o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, co presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez González, para impulsar a promoción vitivinícola do sur da provincia e tratar de reunir máis apoios en torno á candidatura da zona como Patrimonio da Humanidade. En concreto, a achega, de 6.000€, contribúe a financiar os gastos derivados da celebración da asemblea xeral da Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV), que tivo lugar en Monforte de Lemos.

Grazas a este evento apoiado pola Deputación, a Ribeira Sacra converteuse, durante catro días, na capital do viño. A cita contou cunha representación do 98% da produción nacional dos caldos con denominación de orixe. Os asistentes tiveron a ocasión de viaxar en catamarán, realizar un tramo do Camiño de Inverno en Belesar, comer en diferentes bodegas e cenar no Parador de Santo Estevo; aproveitando o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra para reunir máis apoios á candidatura da zona a Patrimonio da Humanidade.

A Deputación impulsou no ano 2011 o movemento social e institucional en apoio da declaración da Ribeira Sacra como Ben Mundial pola UNESCO, unha acción á que logo se sumaron outras institucións, como a Deputación de Ourense ou a Xunta de Galicia. Dende entón, traballa coa mesma intensidade apoiando toda iniciativa encamiñada a culminar esta aspiración.