Unha nova publicación pon en valor as Fragas do Eume

Esta semana presentouse o libro "Fragas do Eume: Historia e Cultura", un amplio traballo de 453 páxinas no que se realiza un detallado e exhaustivo inventario do patrimonio cultural e etnográfica das 9.215 hectáreas que ocupa este singular espazo natural entre os concellos das Pontes, Monfero, A Capela e Pontedeume.

O portavoz do Goberno da Deputación da Coruña e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, foi o encargado de presentar a publicación xunto aos seus coordinadores, Víctor Alonso Troncoso, Álvaro Iglesias e José Manuel Yáñez.

Bernardo Fernández afirmou que as Fragas do Eume son o bosque atlántico mellor conservado de Europa, cunha riqueza natural e biodiversidade que ten sido estudada en profundidade por numerosos expertos, "pero neste espazo hai tamén elementos de gran valor histórico e etnográfico, moito máis descoñecidos, que son nos que se centra este libro".

"Lendas e mitoloxía, pero tamén elementos coma fornos e muíños ou as pontes de madeira e pontes colgantes que abundan na zona e que quedan inventariados neste libro, que contén valioso material inédito", afirmou o deputado que gabou o "longo e exhaustivo traballo de investigación e de campo" levado a cabo polos dez investigadores e investigadoras do grupo de Historia, Arqueoloxía e Documentación da UDC que forman parte do proxecto.

O coordinador do libro, Víctor Alonso, destacou tamén que nel o lector poderá atopar "numeroso material inédito, que queda salvagardado para o futuro" coma as dúas mámoas atopadas polos investigadores durante o período de traballo de campo, "que xa están catalogadas polos servizos de Arqueoloxía".

Alonso afirmou que "a poboación da zona é tamén coautora deste libro", que requiriu de máis de 1.000 entrevistas persoais para compilar topónimos, expresións e testemuñas orais para completar un relato etnográfico da zona.

Pola súa banda, Álvaro Alonso explicou os vestixios do ciclo agrícola do pan que aínda perduran nas Fragas do Eume. Muíños, fornos e outras construcións que foron reconstruídas virtualmente ver como eran no exterior e no interior.

Finalmente, José Manuel Yáñez agradeceu o traballo de todas as persoas que traballaron no libro que requiriu da participación de expertos en numerosas áreas de coñecemento para a investigación bibliográfica, toma de datos, traballo de campo, recreación virtual de elementos perdidos, etc.