Turismo da Coruña repite as xornadas Lacónicas

O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña volverá celebrar unha nova edición das xornadas gastronómicas Lacónicas do Lacón con Grelos durante o Entroido de 2020. Esta edición será a quinta e celebrarase entre o 7 de febreiro e o 1 de marzo.

O prazo para que os establecementos poidan inscribirse irá desde este xoves 19 de decembro ata o venres 10 de xaneiro de 2020 ás 14h. Nelas poderán participar aqueles establecementos de hostalería da cidade que pola súa traxectoria e proposta gastronómica encaixen na temática das xornadas.

Para participar será preciso facer unha proposta de menú tradicional de laconada elaborada principalmente con produtos galegos e cun menú que comprenda entre os 15 e os 30 euros.

A participación dos establecementos será gratuíta e aberta a un máximo de 30 establecementos. As solicitudes serán aceptadas por orde de chegada ao email xornadaslaconicas@gmail.com. O formulario de inscrición pódese descargar na web do Consorcio turismocoruna.com ou facerse a través do enlace bit.ly/Laconicas.