Segunda convocatoria de O Teu Xacobeo

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, anunciou o pasado vernes a apertura da segunda convocatoria de este programa dotada con 3,3 millóns de euros e que xa se publicou no Diario Oficial de Galicia. Román Rodríguez subliñou que o obxectivo desta convocatoria é “descentralizar a celebración do Ano Santo para que chegue a todos os concellos e incentivar a participación cidadá”. 

Neste sentido, habilitaranse tres liñas diferenciadas. A primeira delas, que conta cun orzamento de 500.000 euros, está destinada a entidades locais nas que se dará prioridade aos municipios de menos de 50.000 habitantes. A segunda liña, dotada cunha achega de 1 millón de euros, permitirá impulsar os proxectos de pemes e particulares. E a última das liñas permitirá, grazas a 1,8 millóns de euros, que boten a andar as propostas nacidas de entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro. 
 
Na primeira convocatoria de O teu Xacobeo foron concedidos máis de 300 proxectos, dos cales o 41% xa se realizaron ou están en marcha neste momento, como o realizado no CEIP Barouta de Ames. Nesa edición o orzamento destinado pola Xunta de Galicia foi de 4,7 millóns e coa apertura desta nova edición xa son 8 os millóns achegados polo Goberno galego para a posta en marcha de proxectos de toda a sociedade. 

Ademais de fomentar a participación, O teu Xacobeo tamén está a permitir que a Administración autonómica avance no seu obxectivo de descentralizar o Camiño de Santiago e que o vindeiro Ano Santo se sinta en toda Galicia. De feito, grazas a primeira convocatoria, levaranse a cabo iniciativas nas catro provincias e o Xacobeo estará presente en máis de 140 concellos galegos.