Santiago presenta un Nadal "diverso e participativo"

O Nadal da capital de Galicia arrancará este xoves 5 de decembro cun acto de acendido do alumeado e coa inauguración do Mercado de Nadal de Carreira do Conde, polo que irán rotando diferentes propostas ao longo das semanas. 

Durante as cinco quendas, composteláns/ás e visitantes terán a posibilidade de coñecer as creacións de 56 expositores de decoración propia da época, alimentación gourmet e artesanía (xoias, madeira, cerámica, vidro, coiro, xoguetes, téxtil, regalo orixinal, deseño...). Para favorecer que o Mercado se converta nun espazo de ocio para a familia, esta oferta compleméntase cunha selección de food trucks de comida galega e internacional. A rúa e as casetas contarán cunha decoración coidada e ambientación musical, que transportarán o público á maxia do Nadal.

Como novidade nesta edición, as tres primeiras quendas (xoves 5 a martes 10, mércores 11 a martes 17 e mércores 18 a luns 23) estarán dedicadas en exclusiva á decoración de Nadal e á alimentación selecta, facilitando ao público a preparación da casa e dos menús para estas datas especiais. As quendas finais (xoves 26 a luns 30 e martes 31 a domingo 5 de xaneiro) resérvanse para os produtos de artesanía e regalo orixinal, coa data da Noite de Reis como horizonte.

O calendario festivo prestará especial atención aos/ás máis novos/as e as súas familias, pero haberá propostas para todos os públicos e en diversos espazos de música, teatro, danza, xogos...

No eido musical, o concello destaca salientou coma os concertos da Banda Municpal, o Nadal Solidario das Corais de Compostela, o góspel no Auditorio, os concertos de Nadal dos grupos tradicionais de Compostela, un concerto especial co Coro da Ra, Son Elas e a Escola Municipal de Música, o Concurso de Canto Compostela Lírica ou o Mesías participativo que tocará a Real Filharmonía de Galicia no Auditorio.

Tamén haberá moito teatro, sobre todo nos centros socioculturais, onde ademais durante todas estas datas se realizarán obradoiros, contacontos, visitas dos paxes reais, festivais de Nadal…

As familias tamén teñen a alternativa de levar os seus nenos e nenas aos diversos espazos de xogo ou de conciliación, como os do Multiúsos de Sar, o do Palacio de Congresos ou o Programa Municipal de Conciliación de Nadal , que se celebrará nos colexios Monte dos Postes e Ramón Cabanillas, e que ten a súa inscrición aberta.

Os que opten polo deporte poden participar na San Silvestre, no Campus Vero Boquete ou nos torneos de xadrez dos centros socioculturais. E os que prefiran actividades saudables pero algo máis tranquilas, tamén terán as diferentes visitas guiadas e roteiros, como os do programa Pasearte.

Tampouco faltarán propostas que repiten con éxito cada ano, como a Festa do Apego, o Mercado da Estrela, a festa de fin de ano ou a Cabalgata de Reis, que se presentarán nos vindeiros días.

.